Portada ›› Remo ›› Samertolameu golpea primeiro na Pobra

Samertolameu golpea primeiro na Pobra

Samertolameu golpea primeiro na Pobra

O primeiro posto da Liga A – Trofeo Xunta de Galicia volve corresponder en solitario a Samertolameu-Oversea. A embarcación moañesa de Meira impúxose con autoridade aos seus veciños de Tirán-Pereira na XIII Bandeira Concello de Muros celebrada nas augas da Pobra do Caramiñal, onde este domingo os remeiros da Terca defenderán un punto de vantaxe como líderes na que probablemente sexa a última cita da temporada.

O quinto triunfo desta campaña para Samertolameu chegou por unha renda de 10 segundos sobre o seu rival directo. Os gañadores desta novena xornada da Liga A dominaron dende o primeiro dos seis longos e a metade da regata a diferenza era de 6” respecto a Tirán e de 10” con Vilaxoán. A tripulación de Meira seguiu ampliando a vantaxe ata que cruzou a meta cun tempo de 20:21:97 e grazas a esta vitoria rachou o empate o empate a puntos coa traiñeira de Moaña.

Na pugna pola terceira praza da regata e tamén da xeral da Liga, Vilaxoán quedou a menos de 1” do rexistro establecido por Bueu-Teccarsa, que foi a máis rápidas das dúas primeiras quendas. Os dous equipos chegaban a esta xornada igualados a puntos, polo que serán os morracenses os que conten este domingo cunha mínima vantaxe.

A filial de Cabos e Mecos, que entraron despois de Bueu, remataron na Pobra quinta e sexta respectivamente, mentres que Rianxo adxudicouse a primeira serie por 12” respecto a Esteirana. Mera non puido evitar a novena posición.

As traiñeiras da Liga A volverán á auga na Pobra do Caramiñal este domingo a partir das 10:30 horas.

Cesantes vence por 29 centésimas

Na penúltima xornada da Liga B, Puebla certificou matematicamente o título, pero á tripulación anfitrioa quedoulle un sabor agridoce. Tras pasar en cabeza por todas as viradas, os remeiros da Carmela viron como se lles escapou a vitoria na primeira xornada da XV Bandeira Concello de A Pobra por tan so 29 centésimas. Cesantes asinou unha vibrante remonta e sumou ao esprint o seu segundo triunfo da temporada.

Perillo-Salgado finalizou terceira na quenda de honra, a 7” da gañadora, e mellorando o rexistro que Narón establecera no seu triunfo sobre Chapela na primeira serie.

A segunda xornada da Bandeira Concello de A Pobra baixará o pano da Liga B dende ás 12:00. Entre as dúas competicións masculinas disputarase a última xornada da Liga Feminina, a IX Bandeira Salgado Congelados, ás 11:30.