Portada ›› Remo ›› Remontada que vale unha liga para Ares

Remontada que vale unha liga para Ares

 Remontada que vale unha liga para Ares
  • A Santa Olalla remonta na casa e certifica o título de liga
  • Samertolameu Fandicosta lévase a primeira xornada do Play Off

O concello de Ares é o escenario escollido pola Liga Galega de Traiñeiras para poñer o seu punto é final á tempada 2023. Cunha dobre xornada que este sábado celebrou a primeira das dúas citas. O día estivo practicamente nubrado, con pouco mar e cun vento variable, ademais o peirao de Ares estivo ateigado de afeccionados.

A clave da xornada, ademais da dúbida de se Ares sentenciaría a liga, estaba na disputa do play off. O segundo e terceiro da liga B: Mugardos A Cabana de Ferrol e Amegrove, víanse as caras co undécimo e duodécimo da Liga A: Puebla e Samertolameu Fandicosta. Dúas xornada para decidir unha praza na Liga Galega de Traiñeiras 2024. A saída foi a modo contra reloxo e, seguindo a tónica das últimas regatas, Samertolameu Fandicosta volveu demostrar que vai rematar a tempada no seu mellor momento. Os de Meira lideraron a xornada dende o primeiro momento. Aínda que Mugardos A Cabana de Ferrol e Puebla o intentaron, os moañeses foron pouco a pouco aumentado a súa vantaxe ata certificar a vitoria na primeira xornada. Por detrás as outras dúas traiñeiras marcaron practicamente os mesmos tempos: 1 segundo a favor dos do norte na primeira virada pero a partir de aí os dous seguintes xiros déronse no mesmo segundo. O último longo decidiu o segundo clasificado que finalmente foron os de Mugardos A Cabana de Ferrol. Puebla foi terceiro e Amegrove pechou a quenda moi lonxe dos seus rivais. Co resultado de hoxe, Samertomeu Fandicosta obtén 4 puntos, Mugardos A Cabana de Ferrol 3, Puebla 2 e Amegrove 1. Mañá terá lugar a segunda xornada cos mesmos puntos en xogo, o que consiga máis puntos ascende. En caso de empate decidirá a suma de tempos das dúas xornadas.

Na liga A, a maioría de postos xa están definidos, co que a dúbida da xornada era coñecer se Ares sentenciaría a liga ou se habería que esperar ata a última xornada. O segundo resultado non se deu por pouco, xa que dende o primeiro momento a Maruxía de Bueu Simei estivo por diante da Santa Olalla de Ares. Iso si, foi unha vantaxe que comezou en 4 segundos e que cada longo ser reducía. 3 no segundo, 2 no terceiro e unha remontada no último longo que certificaba, por tan só dous segundos, a vitoria na xornada para Ares e a vitoria matemática do campionato de liga 2023. Festa no Peirao de Ares dende o momento no que a Santa Olalla cruzou a meta.

Na quenda destas dúas traiñeiras competiron Tirán Pereira e Castropol. Ambas estiveron lonxe das dúas primeiras pero tamén disputaron un duelo moi igualado. Os asturianos comezaron por diante pero os de Moaña igualaron no segundo longo, puxéronse por diante no terceiro e certificaron a posición no cuarto. A peculiaridade do cambio de vento entre a segunda e a terceira quenda deixaba un resultado curioso en cada unha das viradas. Xa que nos longos impares estas dúas traiñeiras superaban o tempo de Chapela Wofco con claridade pero nos pares empeoraban os tempos da Arealonga na quenda anterior. Os tempos variaron tanto que as dúas traiñeiras pasaron de estar 11 segundos por diante de Chapela Wofco na última virada a finalmente quedar por detrás. A Arealonga foi terceira, Tirán Pereira cuarta e Castropol quinta.

Chapela Wofco compartiu quenda con Rianxo e Cabo. Aínda que as dúas embarcacións do Barbanza comezaron preto da Arealonga. A embarcación de Redondela comezou apertar ata deixar sen opcións aos seus rivais. Os dous barcos veciños competiron man a man cunha leve vantaxe dos de Rianxo dende o primeiro longo que conseguiron defender ata o final.

Estas traiñeiras tamén superaron aos rivais da primeira manga. Unha quenda que Mecos dominou dende o primeiro momento. Por detrás Cesantes Rodavigo e Narón alternábanse as posicións ata que nun final apertado, Narón quedou por diante, recortando un punto na clasificación da liga ata os tres, e abrindo a posibilidade dunha remontada na última xornada da liga.