Portada ›› Remo ›› Castropol non da opción en Porto Meloxo

Castropol non da opción en Porto Meloxo

Castropol non da opción en Porto Meloxo

Cabo da Cruz e Bueu-Teccarse tamén apuntalaron os seus liderados en Chapela

Pleno de vitorias dos líderes do Trofeo Xunta de Galicia-Liga Galega de Traiñeiras no último sábado do mes de xullo. Castropol venceu na regata da Liga B no Grove, mentres que Cabo da Cruz e Bueu-Teccarsa impuxéronse na xornada conxunta que a Liga Feminina e a Liga A celebraron en Chapela.

A Liga B ten un líder intratable. Castropol conseguiu no campo de regatas de Porto Meloxo a súa cuarta vitoria noutras tantas xornadas disputadas. A traiñeira asturiana non concedeu ningún tipo de opción ao resto de embarcacións na 38ª Bandeira Concello de Grove.

Por primeira vez esta temporada os equipos da Liga B afrontaron unha regata a seis longos. Vila de Cangas marcou os mellores parciais en todas as viradas da primeira quenda. Os remeiros da Balea reaccionaron cando Salgado-Perillo se lles achegou a 2 segundos á conclusión do segundo longo e a partir de aí o conxunto do Morrazo foi ampliando a diferenza ata cruzar as boias de meta con 21” de vantaxe respecto á tripulación de Oleiros. A terceira posición durante toda a manga ocupouna Muros.

O tempo dos cangueses mellorárono os catro conxuntos da quenda de honra, que desfrutaron de mellores condicións para remar, sobre todo, no segundo longo. Foi nese parcial no que Castropol rachou a regata, virando con 17” de marxe sobre Amegrove, e metendo a directa para prolongar a súa condición de invicta. A emoción concentrouse no duelo pola segunda posición entre os anfitrións e Samertolameu-Oversea B. Os remeiros da Pabliño mantivéronse firmes e cunha vantaxe de 28” en relación á filial de Meira asinaron diante dos seus seareiros o seu mellor resultado da temporada. Cedeira, que sufriu unha penalización de 5” na saída, conseguiu con solvencia a cuarta praza na xornada.

O alcalde José Antonio Cacabelos fixo entrega da Bandeira Concello do Grove á líder Castropol e a Liga B regresará na fin de semana do 13 e 14 de agosto con dúas citas: o sábado en Meira e o domingo en Castropol.

4G8A0365

Liga Feminina

En Chapela, nunha xornada de festivo local, foron moitos os afeccionados que se achegaron a gozar dunha ampla xornada de remo. A Liga Feminina abriu o espectáculo con dúas quendas lanzadas. Na primeira, Rianxo comezou liderando con Riveira e Castropol a menos de 3”. Unha igualdade que foi esporádica, xa que as diferenzas comezaron a aumentar a partir da segunda virada ata que se certificou a vitoria rianxeira. Castropol remontou a Riveira e tentou sen sorte achegarse a Rianxo rematando en segundo lugar. Riveira pechou en terceira posición.

A segunda manga comezou dun xeito similiar, con Salgado-Perillo 4” por diante da Puebla. Pero a diferenza da quenda anterior, nesta foi Puebla a que remontou no segundo longo e fíxose coa vitoria, ampliando en cada referencia a súa vantaxe coas de Oleiros. Os tempos de Puebla, eran moi similares aos de Riveira na manga anterior, e finamente as da Carmela conseguiron superar ás veciñas do Barbanza por tan só 13 centésimas.

A quenda de honra comezou con dúas batallas diferentes dende o primeiro parcial. Xa que na primeira virada Chapela-Wofco dominaba con 2” sobre a líder da xeral Cabo da Cruz, mentres Tirán-Pereira afastábase 10” por detrás, pero a 5” de Mugardos-A Cabana Ferrol. Na zona dianteira, Cabo conseguiu poñerse á par no segundo parcial, para adiantar ás locais no terceiro longo e terminar certificando a vitoria na VII Bandeira Concello Redondela Feminina, na casa das súas maiores rivais Chapela-Wofco, que remataron segundas. Por detrás, Mugardos-A Cabana Ferrol loitou por achegarse a Tirán-Pereira, pero as de Moaña defenderon ben a posición, conseguindo o terceiro posto da bandeira e tamén da xeral da liga.

Liga A

Trala regata feminina, e un minuto de silencio en honra de Rodrigo Cordero, antigo remeiro de Chapela, as traiñeira da Liga A comezaron a competir pola IV Bandeira Chapela Concello de Redondela. Ao igual que na categoría feminina, as dúas primeiras quendas saíron lanzadas. Na primeira comezou liderando Cesantes-Rodavigo a 3” de Mugardos e a 5” de Narón e Puebla. Pero a manga deu un xiro no segundo longo, xa que Narón fíxose coa dianteira deixando a Mugardos segunda, a Cesantes-Rodavigo terceira e a Puebla cuarta. As diferenzas entre ambas non fixeron máis que aumentar na segunda parte da regata, rematando as catro embarcacións na mesma orde que na segunda virada: Narón, Mugardos, Cesantes-Rodavigo e Puebla.

Na segunda quenda comezaron liderando Rianxo e a filial de Cabo da Cruz, con Mecos a 3” e Mera a 7”. A embarcación rianxeira colleu a dianteira no segundo longo deixando aos veciños do Barbanza a 6”, a Mecos a 13” e a Mera a 14”. Na terceira virada as dúas embarcacións barbancesas volveron marcar o mesmo tempo, deixando a Mecos a 11” e a Mera a 15”. A vitoria decidiuse nos últimos metros a favor de Rianxo, con Cabo en segunda posición por apenas 2”. Por detrás, Mera tamén apertou para adiantar a Mecos sen éxito. A Mequiña foi terceira e A Mariñeira cuarta. No caso de Mera, ademais, cun tempo peor que o de Narón.

A xornada pechouse cunha terceira manga da categoría A na que o líder da liga apenas deu opcións aos seus rivais. Na primeira referencia Bueu-Teccarsa superaba por 5” a Samertolameu-Oversea e a Chapela-Wofco, e por 7” a Tirán-Pereira. Na segunda virada, a diferencia aumentaba ata os 7” con Meira, os 10” con Tirán-Pereira e os locais quedaban lonxe a 17 segundos. As diferenzas foron similares na última virada e finalmente Bueu-Teccarsa fíxose coa vitoria da bandeira. Segunda foi Samertolameu-Oversea pero nun final moi apertado cos seus veciños moañeses. Cuarta foi Chapela-Wofco, empeorando o tempo de Rianxo, mellor clasificación da temporada con este cuarto posto, pero os locais superaron ao seu principal perseguidor na liga, a Cabo.

Tralo acontecido na regata, Bueu Teccarsa aumenta a súa diferenza a 4 puntos con respecto a Samertolameu-Oversea. Chapela-Wofco afiánzase na cuarta posición a 2 puntos de Cabo. A zona baixa apértase con Puebla marcando os postos de salvación 2 puntos por diante de Cesantes-Rodavigo e 4 por riba de Mugardos