Tirán proclámase campioa da Liga A cos mesmos puntos que Samertolameu
O emocionante man a man protagonizado polas dúas traiñeiras de Moaña na Liga A do Trofeo Xunta de Galicia decantouse na última regata da temporada a prol de Tirán-Pereira. A Mar do Con proclamouse campioa este domingo grazas a súa vitoria na Regata Liga A
A Pobra. Samertolameu-Oversea, que chegaba como líder, rematou na xeral cos mesmos puntos que os seus veciños, pero o criterio de desempate para estes casos establece que o título lle corresponde á embarcación que se adxudique a derradeira xornada.
No campo de regatas do Peirao Comercial da Pobra do Caramiñal, o mesmo escenario no que o día anterior Meira recuperara a camisola de líder tras vencer con solvencia, esta vez invertéronse os papeis. Tirán tomou a dianteira no segundo dos seis longos, logrando un segundo de vantaxe, e ao remate dese parcial o pica de Samertolameu tivo problemas na virada. Ese contratempo non o desaproveitaron os do Con, que na seguinte referencia xa mandaban por 5”.
Desde o ecuador da proba ata o final, Tirán non parou de incrementar lixeiramente a diferenza e na meta marcou un tempo de 20:01,47, vencendo con case 10” de marxe. Este triunfo provocou unha igualada a 95 puntos no máis alto da clasificación xeral, polo que se tivo que aplicar o factor do valor especial da última xornada. Os dous equipos moañeses buscarán agora dar o salto á Liga ACT despois de ter conseguido cada un cinco vitorias esta campaña na Liga Galega de Traiñeiras.
Mentres se libraba a batalla polo título, Bueu Teccarsa e Vilaxoán pugnaron pola terceira praza na xeral. Os morracenses defendía un punto de vantaxe, pero ao igual que aconteceu na loita polo primeiro posto, os vilagarciáns leváronse o último asalto e conseguiron o seu obxectivo. Os remeiros da Revenida recuperaron no segundo longo os 2” que perderan no primeiro e na terceira virada xa pasaron 1” dos seus rivais directos. A diferenza na meta foi de 4”.
Antes de que se decidiran os pulsos pola primeira e a terceira posición, a filial de Cabo cumpriu os prognósticos na primeira quenda. Os boirenses asinaron o quinto posto na regata e sexta terminou Rianxo, que culminou a súa remonta sobre Esteirana no último longo, e tamén superou a Mecos, que perdeu a pica e pagouno ocupando a sétima posición.
Pola súa banda, Mera non puido evitar ser novena na Pobra e xogarase a permanencia no playoff.
Liga Feminina: Repóquer e título para Cabo
Cabo da Cruz puxo a guinda ao seu triunfo na xeral da Liga Feminina – Trofeo Xunta de Galicia rubricando na Pobra a súa quinta vitoria parcial desta campaña. As boirenses fixéronse coa sexta e última xornada do curso, a IX Bandeira Salgado Congelados, nun cara a cara moi parello con Tirán-Pereira.
Salgado-Perillo meteu presión ás dúas traiñeiras da quenda de honra. O tempo das de Oleiros na segunda virada igualouno Cabo, que nese punto da regata marchaba con 2” de vantaxe respecto a Tirán.
As de Boiro deixaron de compartir o primeiro posto no ecuador da proba, rebaixando en 4” o rexistro de Perillo, que nese intre ía igualada con Tirán. As moañesas contaban cun punto de vantaxe na xeral sobre as de Oleiros e conservaron esa posición cun segundo treito da proba no que pelexaron o triunfo na Pobra con Cabo.
A vitoria quedou no Barbanza por 3” e Perillo acabou a 13” das gañadoras. Chapela concluíu cuarta. A Liga Feminina 2020 baixou o pano con Cabo recollendo a bandeira desta xornada, a do Trofeo Xunta de Galicia e o maillot de líderes.
Liga B: Cesantes exhíbese ante a campioa Puebla
Co título da Liga B – Trofeo Xunta de Galicia matematicamente decidido en favor de Puebla, a segunda clasificada na xeral non permitiu que os locais puxeran un broche de ouro á temporada. Cesantes apropiouse da XV Bandeira Concello de A Pobra e fíxoo mediante unha exhibición na segunda xornada.
Os redondeláns, que o sábado se impuxeran por 29 centésimas aos anfitrións, non deron opcións en ningún momento a que Puebla recuperase esa desvantaxe. Tras pasar á par pola primeira boia, Cesantes colleu o mando e na meta bateu por 13” aos líderes. Salgado-Perillo clasificouse terceira, mentres que Chapela impúxose no duelo pola cuarta praza con Narón.
Co seu terceiro triunfo parcial desta campaña, a embarcación de Rendondela chega lanzada ao playoff, no que volverá ter como unha das súas rivais a Salgado-Perillo. Puebla, que recolleu na súa casa a bandeira do Trofeo Xunta de Galicia, ascende de forma directa á Liga A.