Samertolameu Oversea acaricia o título gañando en Esteiro
A líder Narón dá un paso de xigante na Liga B ao vencer na Pobra
A novena xornada da Liga Galega de Traiñeiras A - Trofeo Xunta de Galicia levou ás embarcacións a Esteiro para competir na XIV Bandeira Concello de Muros.
Unha regata marcada de novo polas ausencias, esta vez a do Club de Remo Vilaxoán por motivos sanitarios.
A bandeira comezou coa embarcación local por diante na primeira referencia, con Cesantes Rodavigo segunda e Salgado Perillo e Muros, á par, por detrás.
Unha situación que cambiou no segundo longo, xa que foron os de Cesantes os que colleron a cabeza coa Esteirana segunda e Perillo e Muros pechando de
novo a par. Uns postos que non variaron ata o final da quenda, agás os últimos, xa que Salgado Perillo gañou a partida a Muros.
Na segunda manga o que comezou liderando foi Mera, por diante de Rianxo e de Puebla. Ausencia xa comentada de Vilaxoán nesta partida. Na segunda
virada Mera mantiña a cabeza, pero Puebla situábase na segunda posición remontando a Rianxo. Unhas posicións que non variaron ata o final, aínda que os
da Puebla achegáronse sen éxito a Mera. Rianxo pechaba a quenda cun tempo peor que o de Cesantes Rodavigo e mellorando por unha décima o tempo
da Esteirana.
Na quenda de honra o líder apenas deu opcións aos seus rivais, xa que dominou dende a primeira referencia. Iso si, nalgunhas viradas cun tempo moi próximo
ao que fixera Mera na segunda quenda. Por detrás, chegou Cabo que conseguiu superar a Bueu Teccarsa e a Mecos e, finalmente, mellorou o tempo de Mera,
rematando na segunda posición da xeral. Bueu Teccarsa finalizou cuarto, situándose a nove puntos de Samertolameu Oversea na clasificación xeral. E Mecos
fixo quinta, mellorando por dúas centésimas o tempo de Puebla.
Liga B
A Liga B do Trofeo Xunta de Galicia regresou á normalidade na Pobra do Caramiñal. Despois de sufrir baixas por mor da COVID nas últimas fins de semana,
as once embarcacións da categoría de prata puideron remar na I Bandeira Camiño do Barbanza A Orixe. A líder Narón, unha das embarcación que se viu
afectada pola pandemia, regresou ao mar anotándose a vitoria na décima xornada e dando un paso de xigante na loita polo título.
O triunfo do conxunto que defendía a camisola de líder chegou despois dunha emocionante quenda de honra. Narón e Mugardos pasaron igualadas polo
ecuador da proba. Nunha regata celebrada a seis longos, a líder conseguiu 2 segundos de renda no cuarto parcial e sentenciou buscando as boias de meta
para impoñerse por case dez segundos respecto á súa principal rival na xeral. Agora, a diferenza entre ambas é de dous puntos cando restan dúas xornadas
para a conclusión da Liga B.
O terceiro e o cuarto posto na Pobra corresponderon a dous equipos da quenda intermedia. Chapela venceu nesa segunda serie por diante de Samertolameu
Oversea B tras un man a man que se resolveu por 4” a prol dos da Arealonga. Na quinta posición finalizou Cedeira, que no treito final da manga de honra
remontou 4” de desvantaxe en relación a Vila de Cangas. A Balea fixo sexta.
Castropol obtivo a sétima praza. Os asturianos bateron a Puebla B na primeira quenda despois dun igualado duelo que a Río del Eo se levou por 4” e entre estas
dúas embarcacións clasificouse Amegrove, que remou na serie intermedia. Décima rematou Virxe da Guía, que participou na segunda das tres mangas,
e a táboa pechouna A Cabana – Ferrol.