Mugardos – A Cabana Ferrol remata como local coa condición de invicta de Chapela-Wofco
Por primeira vez esta temporada unha regata da competición feminina da Liga Galega de Traiñeiras - Trofeo Xunta de Galicia non tivo como gañadora a Chapela-Wofco. Remando como local no Peirao de Curuxeiras, Mugardos-A Cabana Ferrol rematou este sábado coa condición de invicta da embarcación que lidera a clasificación xeral. As anfitrioas impuxéronse con moita autoridade por diante de Rianxo na VII Bandeira Feminina Cidade de Ferrol – V Memorial Miguel Derungs Criado.
A novena e antepenúltima xornada da Liga Feminina comezou con Castropol sorprendendo na primeira quenda. As asturianas, que chegaban a Ferrol como últimas na xeral, marcaron o mellor rexistro no primeiro dos catro longos, batendo por 2” a Salgado-Perillo e por 8” a Puebla, que xa non conseguiría fuxir da terceira praza. O duelo polo primeiro posto igualouse no segundo parcial, coa Ría del Eo e A Brava virando ao mesmo tempo. Foi no terceiro sector cando Castropol rachou a manga, abrindo unha diferenza de 9”, que finalmente sería de 12” nas boias de meta respecto ao equipo de Oleiros.
Nun campo de regatas esixente, e con vento de costado, as catro embarcacións da quenda de honra melloraron o tempo de Castropol. Esa situación vénse dando con bastante frecuencia ao longo desta campaña, pero do guión habitual saíuse o reparto das catro primeiras posicións. Chapela-Wofco, con varias novidades na súa aliñación, pasou de invicta a terminar cuarta. As remeiras da Arealonga xa pasaron por detrás das outras tres traiñeiras ao remate do longo inicial. As posicións non variaron dende a primeira referencia, con Mugardos-A Cabana Ferrol en cabeza, seguida por Rianxo e con Cesantes-Cefycal na terceira praza, igualando o seu mellor resultado da temporada.
As anfitrioas realizaron unha exhibición diante dun Peirao de Curuxeiras ateigado de afeccionados do conxunto de Ferrolterra. Na primeira referencia avantaxaban en 11” a Rianxo e na segunda virada aumentaron esa renda ata os 19”. Cesantes-Cefycal tamén foi aumentando a diferenza con Chapela-Wofco en cada ceaboga, sendo de 7” na primeira e de 11” na segunda. Por diante, Mugardos – A Cabana Ferrol acabaría abrindo a súa conta de vitorias desta campaña dun xeito incontestable. Gañou por 45”, desatando a festa entre as súas seareiras e seareiros.
A falta de dúas xornadas para a conclusión do calendario, Chapela-Wofco mantense líder con 9 punto de colchón sobre Mugardos-A Cabana de Ferrol e con 11 en relación a Rianxo. Na parte baixa da táboa, Puebla e Castropol quedan empatadas a 17 puntos.