Maremoto en Cesantes: Samertolameu-Oversea gaña e vístese de líder na liga a
Cabo vence en Aguiño e fai contas para o título feminino: válelle un quinto posto
A Liga Galega de Traiñeiras-Trofeo Xunta de Galicia completou este domingo a súa penúltima fin de semana de competición con dúas regatas e nunha delas saltou a sorpresa de xeito maiúsculo. Bueu-Teccarsa chegaba a Cesantes á fronte da xeral da Liga A con 5 puntos de vantaxe, pero perdeu o liderado, agora nas mans de Samertolameu-Oversea. A camisola que non cambiou de embarcación foi a da competición feminina e Cabo da Cruz achegouse aínda máis ao título gañando en Ribeira.
O acontecido na XXXVI Bandeira Concello de Redondela entraba en moi poucos prognósticos. Bueu-Teccarsa, que nas doce regatas anteriores non baixara do terceiro posto, finalizou sétima. Entre as traiñeiras que superaron ao conxunto que viña de gañar a véspera en Mugardos estivo Cesantes-Rodavigo, o conxunto máis rápido da primeira quenda.
Os locais xogábanse con Puebla, á que avantaxaban en 3 puntos, eludir o playoff de permanencia e dende o primeiro dos seis longos dominaron con total autoridade a súa serie. Cesantes-Rodavigo superou por 39” á Carmela, terceira na quenda por detrás de Narón. Cuarta concluíu Mugardos, a outra traiñeiras que pugnará por manter a categoría a vindeira fin de semana na Coruña.
A quenda intermedia ofreceu unha dobre pugna. Rianxo e Mecos botaron un pulso pola primeira posición, coa Mequiña sempre perseguindo, pero sen deixar que se escapara a Virxe da Guadalupe. Os do Barbanza gañaron o cara a cara por 5” de diferenza e ambas melloraron o tempo de Cesantes. Simultaneamente, a filial de Cabo de Cruz e Mera comezaron o último longo igualadas e o equipo de Boiro terminou decantando a balanza ao seu favor por menos de 1”.
O vento non deixaba de ir a máis e ese factor fixo saltar a banca na quenda de honra. Malia levar a iniciativa en todo momento, Samertolameu-Oversea continuaba a metade da regata sen poder cos parciais de Rianxo e sendo só 1” mellor que Mecos. A 9” da Terca realizou a terceira virada Bueu-Teccarsa, por detrás das referencias de Cesantes, de Mera e empatada na sexta posición con Cabo. Tirán-Pereira ocupaba a oitava praza e Chapela-Wofco, que cometeu un erro nesa ciaboga, víase relegada ao último posto.
Con un panorama nunca visto esta campaña, o maremoto na xeral da Liga A confirmouse na segunda parte da regata. Mellor que Rianxo na cuarta virada, pero peor na quinta, Samertolameu-Oversea non desaproveitou a oportunidade no último longo. Asinou o mellor tempo, batendo por 5” o da Virxe da Guadalupe, e o seu soño de vestirse de líder foise facendo realidade co paso dos segundos. Bueu-Teccarsa non conseguiu recuperar ningunha posición e fixo sétima, un resultado que provocou o inesperado sorpasso no máis alto da xeral. Tras vestir a camisola amarela dende o arranque da liga, A Mariñeira chegará á última xornada un punto por debaixo da Terca, aínda que dependendo de si mesma. A que quede por diante o sábado na Coruña farase co título.
Liga Feminina
O porto de Aguiño acolleu este domingo a penúltima xornada da Liga Galega de Traiñeiras Feminina do Trofeo Xunta de Galicia. Nun formato tradicional, a tres quendas, sen ser lanzadas, e con tres traiñeiras por manga, as primeiras en saír a competir pola III Bandeira Feminina Concello de Ribeira foron Puebla, Riveira e Salgado-Perillo. O equipo anfitrión, empurrado polo seu público, mostrou unha imaxe totalmente diferente á do día anterior, liderando con claridade a súa quenda, superando a Puebla e Salgado-Perillo. Dúas traiñeiras que nesta regata tiveron unha batalla moi igualada. Comezaron segundas as de Oleiros a 4 segundos de Puebla. Unha diferenza que as da Carmela foron recortando segundo a segundo ata poñerse por diante na última virada e consumando a remontada no último longo.
E se a vitoria de Riveira foi clara, a de Tirán-Pereira na seguinte quenda o foi aínda máis. Sen dar opcións a Castropol e Rianxo, a traiñeira de Moaña superou por máis dun minuto as súas rivais. Segunda foi Castropol, que a diferenza do acontecido habitualmente, as asturianas superaron a Rianxo. Ademais, fixeron cun tempo mellor que o de Riveira, resultado clave na loita que teñen ambas traiñeiras pola sexta posición posición da liga, agora a favor das da Ría del Eo por 2 puntos.
Na quenda de honra, a líder deu un paso máis para facerse co título. Liderando dende o principio ata o final, Cabo xa fai contas: 4 puntos para gañar a liga. Unha liga que aínda ten posibilidades de gañar Chapela-Wofco. O reto é complicado, pero as de Arealonga non perden a fe. Na regata de Riveira volveron quedar segundas, freando calquera intento de remonta e de repetir a xesta do día interior de Mugardos-A Cabana Ferrol, que quedou terceira da serie e finalmente tamén da bandeira logo dunha batalla moi interesante cos tempos de Tirán-Pereira. Xa que en cada virada alternaban a terceira posición cada unha das dúas traiñeiras, de feito a maior diferenza foi a favor das de Moaña na última virada, 6 segundos por diante, pero no último longo Mugardos-A Cabana Ferrol conseguiu superar ese tempo e afianzarse na terceira posición por menos de 1”.