Portada ›› Remo ›› Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe

Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe

Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe

CONSTITUÍDA A COMISIÓN GALEGA DE PREVENCIÓN E REPRESIÓN DA DOPAXE COMO “UN FITO HISTÓRICO QUE PROTEXERÁ A LIMPEZA DO DEPORTE E A SAÚDE DOS NOSOS DEPORTISTAS”

  • O director da AEPSAD, José Luis Terreros, asegura que “hoxe é un día moi importante porque se abre unha colaboración real e efectiva que nos permitirá avanzar na loita contra a dopaxe en Galicia”
  • Xunta e Axencia asinan un convenio para que a Secretaría Xeral e a Comisión poidan “sustentarse na experiencia e valiosísima colaboración da Axencia”
  • Instantes antes da constitución da Comisión, o director a AEPSAD e o presidente de la Asociación Liga Noroeste, Javier Rodríguez Barros, acordaron “traballar conxuntamente na prevención da saúde e de loita contra a dopaxe no ámbito da práctica deportiva no desenvolvemento da Liga Galega de Traiñeiras”

Santiago, 25 de xuño de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu esta mañá o acto de constitución da Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe que nace co compromiso de acadar un “deporte galego limpo e sen trampas” así como protexer “primeiro, a limpeza do deporte e segundo sobre todo, a saúde dos nosos deportistas”. A Comisión, segundo o secretario xeral, representa “un fito para o noso deporte e unha tarefa fundamental na que combinaremos labores de sensibilización e de información coa actividade sancionadora”. Neste sentido, “a defensa e a protección da actividade deportiva” debe estar sempre referenciada, dixo, “a valores e condutas vinculadas ao xogto limpo, ao esforzo e á dedicación persoal e sempre, e en todo caso, dentro da legalidade vixente”.

Na xornada de traballo que tivo lugar na Sala Colmeiro da Escola Galega de Administración Pública, o mandatario galego agradeceu a presencia do director da Agencia Española de Protección de la Salud en el Deporte (AEPSAD), José Luis Terreros, e do xefe da asesoría xurídica, Agustín González, na sesión de constitución da comisión e afirmou que a súa asistencia é “unha garantía de traballo e compromiso por un deporte san e limpo, fundamental nunha sociedade libre de dopaxe e de trampas”.

Para cristalizar esta colaboración, ambas entidades asinaron un convenio para que a Secretaría Xeral e a Comisión poidan “sustentarse na experiencia e valiosísima colaboración da Axencia”. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte abordará a modificación da Lei 3/2012 do Deporte de Galicia para a súa adecuación ao código mundial antidopaxe na procura dunha mellor coordinación no exercicio das competencias da loita contra a dopaxe autonómicas e nacionais.

Pola súa banda, o director da AEPSAD, asegurou que “hoxe é un día moi importante tanto para a loita contra a dopaxe en España como para o deporte galego porque se abre unha colaboración real e efectiva entre a axencia competente e a Secretaría Xeral para o Deporte que nos permitirá avanzar na loita contra a dopaxe en Galicia”.

Convenio asinado coa LGT

Instantes antes da constitución da Comisión, o director a AEPSAD e o presidente de la Asociación Liga Noroeste, Javier Rodríguez Barros, asinaron outro convenio para “traballar conxuntamente no establecemento dun marco xeral de colaboración para a prevención da saúde e de loita contra a dopaxe no ámbito da práctica deportiva no desenvolvemento da Liga Galega de Traiñeiras, en particular no ámbito do deporte organizado ou con licenza deportiva, en consonancia cos compromisos internacionais asumidos por España, co propósito de establecer unha contorna no que predominen o xogo limpo, a superación persoal e a realización saudable do deporte”.

Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe

O título VIII da Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia regula a actuación autonómica en materia de prevención e loita contra a dopaxe no deporte e a Comisión Galega de Prevención e Represión da Dopaxe.

A Comisión estará integrada polo presidente (secretario xeral para o Deporte), José Ramón Lete Lasa; polo vicepresidente (subdirector xeral de Plans e Programas). Jorge Rubén Sampedro; e 13 vogalías nas materias de educación, saúde pública, árbitro ou xuíz, federacións deportivas galegas, deportista federada e médica, Colexios de Médicos de Galicia, Colexio Oficial de Farmacéuticos de Galicia, Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Colexio Oficial de Enfermería de Galicia, Facultades de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (A Coruña e Pontevedra) e dúas persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos científico-técnico, deportivo, médico e xurídico.

As funcións que se atribúen á Comisión Galega de Control da Violencia serán:

- Asesorar a Administración autonómica no eido da medicina deportiva.

- Propoñer programas e actuacións co obxecto de promover e procurar que a actividade deportiva se realice en condicións adecuadas de salubridade e seguridade.

- Promover accións formativas e informativas respecto dos valores da práctica deportiva sobre a saúde.

- Promover e fomentar a investigación e formación no eido da medicina deportiva e, en concreto, no relativo á protección da saúde dos deportistas.

- Propoñer criterios e regras técnicas para que as competicións e probas de modalidades deportivas se configuren de modo inocuo para a saúde e integridade física dos deportistas sobre os dispositivos mínimos de asistencia sanitaria que deben existir nas competicións.

- Propoñer as accións preventivas de educación e información sobre a dopaxe.