Cabo álzase campioa da Liga Feminina na Coruña nunha xornada gañada por Chapela
No play off Esteirana e Mugardos saen con vantaxe e Samertolameu gaña a última regata da liga A.
A Liga Galega de Traiñeiras - Trofeo Xunta de Galicia pecha o telón da temporada en augas da Coruña. Nunha xornada con participación de todos os clubs e con acto de despedida, o resumo é que a liga foi un éxito. Así a cualificou Roberto García, o xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia.
A última xornada da temporada non defraudou. Comezou a competición cun play off no que participaron Cedeira, Mugardos, Muros e Esteirana. En formato contra o reloxo, a embarcación de Esteiro deu un paso importante para manter a súa praza na Liga A, superando a Mugardos, que busca o seu ascenso, a Muros e a Cedeira. Mañá disputarse a segunda xornada e ascenderán ou manteranse na Liga A os dous equipos que consigan máis puntos, en caso de empate a puntos, a igualdade romperaa a suma dos tempos.
Tras o play off, chegou o desenlace da Liga Feminina. As embarcacións saíron a competir tamén dunha en unha pelexando por dous obxectivos: os puntos da Liga e a clasificación para a final do Teresa Herrera. A fin da Liga deixábanos dúas disputas interesantes, polo campionato da Liga entre Cabo e Chapela e polo terceiro posto entre Salgado-Perillo e Tirán-Pereira. As rapazas de Redondela loitaron pola Liga e fixéronse coa xornada, pero a Cabo valeulle o cuarto posto para asegurar o campionato. Segunda da xornada foi Perillo que mantivo o terceiro posto da xeral e por detrás chegou Tirán. O quinto posto e acceso para a final do domingo foi para Riveira que superou a Rianxo, Mugardos e Puebla.
A pesar de non competir pola Liga, as embarcacións restantes da liga B competiron por acceder á final do Teresa Herrera. O mellor tempo foi para Narón, seguido de Chapela, Virxe da Guía, Samertolameu Oversea B, Amegrove, Puebla B, Castropol, A Cabana de Ferrol e Vila de Cangas.
Pecharon a xornada as embarcación da Liga A, en loita, ao igual que a Liga Feminina, polos puntos e a clasificación. E a pesar de ser campión xa matemático da liga, Samertolameu rematou por todo o alto gañando unha nova xornada. Segunda posición foi para Cabo, que conseguiu arrebatarlle o terceiro posto da Liga a Mecos. Lográrono os de Cabo deixando a Mera terceira, a Bueu Teccarsa cuarta e aos seus rivais de Mecos quintos. A sexta posición foi para Rianxo seguido de Cesantes-Rodavigo, Vilaxoán, Puebla e Salgado-Perillo. Os de Perillo cun tempo peor que o de Narón, remataron fóra da final do domingo.
A temporada chega ao seu final, ou case, porque o play off aínda está en xogo e as traiñeiras clasificadas competirán o domingo por alzarse co Teresa Herrera.
Esteirana e Mugardos gañan o play off 2021
Nas finais do Teresa Herrera, Cabo feminino e Samertolameu Oversea álzanse coas vitorias do prestixioso torneo.
A Liga Galega de Traiñeiras - Trofeo Xunta de Galicia pechou definitivamente esta temporada en augas da cidade da Coruña. En disputa a segunda xornada do play off que enfrontou a Cedeira, Muros, Mugardos e Esteirana. Por este orde saíron a competir as embarcacións, ao contrario da clasificación do día de onte. A primeira referencia deixaba unha gran igualdade entre Muros, Esteirana e Mugardos con Cedeira máis lonxe. Este resultado beneficiaba aos dous últimos, de aí que a Muradana loitase ata o final por intentar superar aos seus rivais, un premio que non foi capaz de acadar.
Os de Muros chegaron terceiros con tempos similiares aos da Esteirana, segundos, e aos de Mugardos, primeiros. Con estes resultados, Esteirana e Mugardos empataban con 7 puntos, Muros terceiro con 4 e Cedeira cuarta con 2. A diferencia dos dous primeiros desempatouse coa suma de tempos, sendo Esteriana o que gaña o play off por apenas 3 segundos de diferenza. Tanto Esteirana como Mugardos conseguen praza na Liga Galega de Traiñeiras A 2022, a expensas dos resultados dos equipos galegos da ACT e do play off.
Teresa Herrera
Tras o play off, as traiñeiras clasificadas pecharon a temporada coa disputa das finais do Teresa Herrera. Na categoría feminina, as campioas da Liga demostran o seu poderío liderando a quenda dende principio ata o final. Salgado-Perillo loitou sen éxito pola vitoria rematando a uns segundos de Cabo. En terceira posición chegou Chapela, a embarcación que gañou a xornada de clasificación non puido repetir na final. Preto destas embarcación chegou Tirán-Pereira e máis lonxe, pechou a final Náutico de Riveira.
No caso da categoría masculina a final foi a dobre quenda. Na primeira partiron Rianxo, Cesantes-Rodavigo, Vilaxoán, Puebla e Narón. A vitoria foi para un Rianxo que remata a temporada en gran nivel. Seu máximo perseguidor foi Cesantes-Rodavigo, o terceiro posto foi para Vilaxoán que superou a Puebla no seu duelo particular. A quenda a pechou o campión da Liga B, Narón.
Na quenda final partiron Bueu Teccarsa, Cabo, Samertolameu Oversea, Mera e Mecos. Na primeira referencia os dous primeiros clasificados da Liga A chegaron á par, por detrás Mera superaba por pouco a Cabo e Mecos aguantaba o gran ritmo das súas rivais. Na segunda referencia Samertolameu Oversea fíxose coa cabeza por diante dos de Bueu, mentres que Mera e Cabo viraban á par por diante de Mecos. Meira continuou aumentando a súa vantaxe e superando con claridade o tempo de Rianxo na quenda anterior, alzándose co Teresa Herrera con moita autoridade. Bueu Teccarsa pechou en segunda posición loitando ata o final. A terceira praza foi para Cabo, gañando nun gran final a Mera. Pechou a competición Mecos, cun tempo peor co de Rianxo.
Trala disputa destas competicións, a Liga Galega de Traiñeiras puxo o punto final á súa temporada. Unha campaña con complicacións por toda a situación epidemiolóxica, pero histórica polo número de participantes e regatas disputadas. Unha vez rematada, tanto o presidente da Liga, Javier Rodríguez, como o xefe do servicio provincial de deportes na Coruña, Roberto García, e a concelleira de deportes da Coruña, Mónica Martínez, cualificaron de “exitoso” o balance desta temporada por poder realizar de forma segura as 36 xornadas da Liga.