Cabo recupera o liderado cunha vitoria folgada en Ferrol
A regata da Liga B en Cedeira suspendeuse por mor da néboa
A enseada da cabana de Ferrol foi o escenario da quinta xornada da liga feminina de traiñeiras do Trofeo Xunta de Galicia. Na disputa da VI bandeira Feminina Cidade de Ferrol-IV memorial Miguel Derungs Criado as traiñeiras saíron a competir nunha regata a 6 longos.
Comezaron Castropol, Salgado-Perillo e Puebla nunha quenda moi disputada e na que os postos foron alternándose. A traiñeira de Oleiros comezou primeira, por diante de Castropol e Puebla. Á segunda virada Castropol igualaba a Perillo na cabeza e as do Barbanza eran terceiras un segundo por detrás. No ecuador da proba as que lideraban eran as asturianas e Puebla por diante de Perillo. Na cuarta virada rompeuse a igualdade, a Carmela colleu a cabeza e xa non a soltou, a pesar de que Castropol o loitou ata o final. Salgado-Perillo que comezara líder foi perdendo segundos ata quedar lonxe das súas rivais.
A segunda manga estivo menos igualada, xa que Tirán-Pereira marcou un ritmo que deixou sen opcións a Rianxo e Ribeira. Entre as dúas embarcacións do Barbanza, as remeiras da Virxe da Guadalupe tampouco deron opción ás súas veciñas. No caso de Ribeira a súa batalla non era só na súa quenda, xa que os seus parciais eran similares ás das rivais da primeira manga. Comezou en tempos similares a Puebla e Castropol, pero finalmente caeu por detrás destas dúas traiñeiras superando só o tempo de Salgado-Perillo.
A terceira manga retrasouse por un problema dunha remeira de Castropol que por sorte quedou nun susto. Trala reanudación as favoritas saíron a competir, sendo Cabo da Cruz a que lideraba por diante de Mugardos–A Cabana Ferrol e de Chapela-Wofco. As tres traíñas por detrás de Tirán-Pereira e Rianxo, coas de Redondela caendo ata a última posición. A orde non variou na segunda referencia, pero agora as tres traiñeiras poñíanse por diante das quendas anteriores. A partir de aquí, Cabo foise escapando das súas rivais gañando a bandeira e recuperando o liderado. Por detrás, Mugardos-A Cabana de Ferrol e Chapela-Wofco loitaban á par á vez que intentaban superar os tempos de Tirán-Pereira. Finalmente Chapela conseguiu o segundo posto e Mugardos – A Cabana Ferrol o terceiro.
Liga B
As condicións atmosféricas volveron xogar unha mala pasada á Liga B. Quince días despois da suspensión da Bandeira Salgado Congelados por mor do forte vento, esta vez a néboa impediu que a VI Bandeira Concello de Cedeira repartise puntos para a clasificación xeral.
A cuarta xornada da Liga B comezou con normalidade. A primeira quenda -con Muros, Vila de Cangas e Salgado-Perillo—disputouse con claro dominio da embarcación do Morrazo dende o primeiro dos catro longos. Muros rematou segunda e Salgado-Perillo, lastrada polos problemas que tivo para executar a primeira virada, ocupou a terceira praza.
Tras a conclusión da primeira manga, a néboa apoderouse do campo de regatas e ante a ínfima visibilidade a xornada suspendeuse sen que Castropol, Samertolameu-Oversea B, Amegrove e Cedeira puideran competir. Non se repartiron puntos, pero si que se entregou a Bandeira Concello de Cedeira a Vila de Cangas.