Cabo feminina e Bueu-Teccarsa saen máis líderes da Pobra
A Pobra do Caramiñal acolleu este domingo unha xornada dobre do Trofeo Xuntade Galicia - Liga Galega de Traiñeiras. Por un lado, a II Bandeira Feminina Alicrusa e, polo outro, a XVII Bandeira Concello da Pobra.
Cunha regata a seis longos como o día anterior en Ferrol, a competición feminina encargouse de abrir fogo. Dúas quendas lanzadas con Rianxo, Castropol e Puebla na primeira e Salgado Perillo e Riveira na seguinte. A primeira decidiuse a favor das de Rianxo tras unha dura batalla coas asturianas. Puebla, a pesar de remar na casa, non tivo o seu mellor día chegando na terceira posición. Na segunda manga, Perillo e Riveira tamén disputaron un duelo moi igualado no que vitoria foi para as de Oleiros. Ambas traiñeiras superaron o tempo das locais.
A quenda de honra volveu a estar composta por Tirán-Pereira, Cabo da Cruz, Mugardos-A Cabana Ferrol e Chapela-Wofco. As dúas primeiras clasificadas da liga, as de Boiro e as de Redondela, volveron disputarse a bandeira nunha regata moi aberta. Chegaron á par á primeira virada, pero a partir do segundo longo, Cabo foi pouco a pouco roubando segundos a Chapela ata conseguir facerse coa bandeira e aumentar a súa vantaxe na clasificación. Terceira foi Tirán-Pereira que gañou con comodidade a Mugardos- A Cabana Ferrol, pero estivo en todo momento nuns tempos similares aos de Rianxo, conseguindo finalmente quedar por diante. As remeiras do norte, ao igual que as locais, tampouco tiveron unha regata cómoda. Lonxe do que acostuman, Mugardos-A Cabana Ferrol non estivo preto das traiñeiras da cabeza rematando en cuarta posición da quenda e caendo ata o sexto posto da regata por detrás de Rianxo e Castropol. Peor resultado da tempada para as da Ría de Ferrol e mellor para as asturianas.
Liga A
Trala xornada feminina, a Liga A masculina tamén saíu a competir con dúas quendas lanzadas. A primeira estivo moi igualada con Puebla, Cesantes-Rodavigo e Narón alternándose a primeira posición e Mugardos moi preto a escasos segundos. De feito, na última virada as tres traiñeiras xiraron no mesmo tempo. Finalmente a vitoria foi para Narón, seguida de Cesantes-Rodavigo, Puebla e Mugardos.
Na segunda manga, a pesar de moverse en poucos segundos de diferenza, á cabeza sempre estivo a filial de Cabo da Cruz seguida moi de preto por Chapela-Wofco. Mecos e Rianxo aproximáronse nas primeiras viradas, pero foron perdendo a estela pouco a pouco. A pesar de chegar a estar cinco segundos por diante, Cabo tivo que sufrir para conseguir gañar a Chapela-Wofco por dous segundos. Terceira foi Mecos e cuarta Rianxo, ambas mellorando os tempos das rivais da primeira manga.
A quenda de honra tamén necesitou agardar aos últimos metros para coñecer ao gañador, xa que Bueu-Teccarsa e Samertolameu-Oversea estiveron alternándose no primeiro posto ata que os de Bueu se fixeron coa vitoria. Cuarta da tempada e dous puntos de marxe cos de Meira. Terceira foi Tirán-Pereira que loitou preto das outras dúas embarcacións, pero sempre un pouco por detrás. O cuarto posto da quenda foi para Mera, que empeorou o tempo de Cabo e Chapela-Wofco, finalizando no sexto posto da regata, de tal maneira que as tres traiñeiras quedan empatadas a puntos na clasificación xeral e na loita polos postos de quenda de honra.