Portada ›› Remo ›› BUEU-SIMEI GAÑA EN CESANTES E CHAPELA-WOFCO PROLONGA O SEU PLENO EN CASTROPOL

BUEU-SIMEI GAÑA EN CESANTES E CHAPELA-WOFCO PROLONGA O SEU PLENO EN CASTROPOL

BUEU-SIMEI GAÑA EN CESANTES E CHAPELA-WOFCO PROLONGA O SEU PLENO EN CASTROPOL

Cesantes e Castropol repetiron este domingo como escenario da Liga Galega de Traiñeiras -Trofeo Xunta de Galicia, pero intercambiándose as competicións. Se o sábado os homes da Liga remaron na fronteira entre Asturias e Galicia, nesta ocasión fixérono na Ría de Vigo e viceversa sucedeu coas mulleres da Liga Feminina. Bueu-Simei na VII Bandeira Cesantes-Concello de Redondela e Chapela-Wofco na II Bandera Princesa de Asturias feminina foron os grandes triunfadores da xornada.

Cesantes volveu vestirse de gala este domingo para acoller ao Trofeo Xunta de Galicia, desta volta á oitava cita da Liga A. Cun día soleado e con poucas ondas e vento, as traiñeiras saíron a competir segundo a clasificación do día anterior en Castropol.

Así partiron na primeira manga Rianxo, Samertolameu Fandicosta ‘B’, Puebla e Narón. A quenda dividiuse en dúas loitas dende o primeiro momento. Por diante, Rianxo lideraba con Narón seguindo a estela. Por detrás batalla á par entre a filial de Meira e Puebla. Na loita pola cabeza, Mecos chegou a superar con claridade a Narón, pero nun gran último longo, os do norte chegaron a poñer en apuros ao do Grove, aínda que a Mequiña puido defender a posición e gañar a quenda. Por detrás, o duelo non foi tan igualado, a partir do terceiro longo, Puebla comezou a distanciarse deixando moi lonxe a Sametolameu Fandicosta.

Na segunda manga competiron Chapela Wofco, Cesantes Rodavigo, Cabo da Cruz B e Rianxo. Os de Chapela, que caían a esta quenda a pesar de estar loitando pola liga, demostraron dende o primeiro longo que non estaban no seu lugar, marcando un ritmo imposible de seguir polos seus rivais. Por detrás, Cabo ‘B’ e Rianxo loitaban pola segunda praza con Cesantes-Rodavigo a escasos segundos. As batallas eran ademais cos tempos de Mecos e Narón. Na pugna entre Rianxo e Cabo ‘B’, os de Boiro estiveron por diante en todo momento e aínda que na cuarta virada Rianxo púxose por diante, Cabo defendeu a posición. Ambas superando a Mecos. Cousa que non puido facer Cesantes-Rodavigo que quedou tres segundos por detrás da Mequiña, pero superou por dous a Narón.

Na última quenda Ares, Castropol, Bueu-Simei e Tirán-Pereira loitaron en todo momento pola vitoria. Dende o comezo da regata, Bueu-Simei estivo por diante, pero Tiran-Pereira e Ares aguantaban a un ou dous segundos. Castropol perdía algún segundo máis pero mantíñase preto. Ademais os tempos dos tres primeiros estaban en todo momento igualados aos de Chapela-Wofco. A igualdade foi constante en toda a quenda, pero Bueu-Simei conseguiu manterse primeiro e gañar a bandeira. Por detrás, Ares e Tirán Pereira entraban practicamente á par con vitoria para os de Moaña por apenas 44 centésimas. Por menos tempo aínda, 24 centésima, Ares melloraba o tempo de Chapela-Wofco. Castropol pechaba a quenda, pero facendo quinto da xeral.

Liga Feminina

A quinta xornada da Liga Feminina tivo á mesma vencedora que nas anteriores catro bandeiras da temporada. En Castropol volveuse impoñer Chapela-Wofco e fíxoo con contundencia. As remeiras da Arealonga dominaron de principio a fin. Ao remate do primeiro longo viraron con 7 segundos de vantaxe e acabarían vencendo por 35”.

Ao igual que na véspera en Cesantes, a emoción concentrouse na loita pola segunda posición. Mugardos-A Cabana Ferrol distanciouse de Rianxo no terceiro parcial despois de ter chegado totalmente igualadas ao ecuador da regata. O conxunto de Ferrolterra tomouse ‘a vinganza deportiva’ do resultado final do día anterior e nesta ocasión cruzou a meta por diante da Virxe da Guadalupe. A cuarta praza na quenda de honra correspondeu a Cesantes-Cefycal, que non puido mellorar o rexistro da gañadora da primeira serie.

Puebla anotouse a manga que abriu a Bandera Princesa de Asturias feminina e sorprendeu a Cesantes-Cefycal, a quen bateu por 4”. As remeiras da Carmela obtiveron o seu mellor resultado da temporada e controlaron con moita solvencia a súa quenda dende o primeiro longo. Salgado-Perillo, que na metade da regata cedía 2” con Castropol, reaccionou no seguinte parcial e levouse o man a man coas anfitrioas.