As remeiras de Cabo vencen con solvencia en Rianxo
Cabo da Cruz deu un paso de xigante este domingo en Rianxo para revalidar título na Liga Feminina-Trofeo Xunta de Galicia. As remeiras de Boiro venceron na I Bandeira Traiñeiras Feminina LGT 2021 e Chapela, a súa principal rival na xeral, non puido pasar da terceira posición. A diferenza entre as dúas sitúase en catro puntos cando restan tres regatas para o final.
Na súa terceira vitoria consecutiva, e quinta desta campaña, Cabo tivo como principal adversaria a Tirán-Pereira. As moañesas remataron o primeiro longo igualadas con Salgado-Perillo e no segundo parcial quedaron como perseguidoras en solitario das boirenses. A diferenza a metade da regata era de 5 segundos, mentres que Chapela continuaba pechando a quenda de honra.
Cabo rachou a proba no terceiro parcial e as boias de chegada cruzounas con 9 segundos sobre Tirán-Pereira, que asinou o seu mellor resultado da temporada. Chapela conseguiu recuperar un posto ao adiantar a Salgado-Perillo. As catro embarcacións desta serie melloraron o tempo de Riveira, gañadora da primeira quenda.
As ribeirenses tiveron que remontar para facerse co triunfo na apertura da xornada. Rianxo completou o primeiro longo con 2” de vantaxe e a balanza equilibrouse no seguinte parcial con estas dúas traiñeiras do Barbanza virando igualadas. A partir dese intre a igualdade desapareceu e Riveira impúxose por 15”. Mugardos, terceira nesta serie, e Puebla, cuarta, sempre ocuparon remaron de principio a fin nas mesmas posicións.