As líderes das tres ligas vencen en Castropol, Cesantes e O Grove
A Liga Galega de Traiñeiras-Trofeo Xunta de Galicia celebrou este sábado tres bandeira en tres localizacións diferentes e deuse un pleno de triunfos das embarcacións que comandan as clasificacións xerais.
Na Liga A, Ares deixou co mel nos beizos aos locais de Castropol e sacou moito proveito da súa vitoria no campo de regatas do conxunto asturiano. Tamén gañou a líder, Chapela Wofco, na cita da Liga Feminina en Cesantes, mentres que na Liga B venceu Muros Esteirana no Grove, onde rachou o empate a puntos que mantiña no alto da táboa con Mugardos – A Cabana Ferrol.
A XXXV Bandeira Princesa de Asturias, no municipio asturiano de Castropol, exerceu de sétima xornada da Liga e disputouse finalmente en formato contra o reloxo. Os doce equipos da Liga A remaron divididos en dúas quendas. Na primeira manga, Rianxo marcou os mellores rexistros dende a primeira virada ata a entrada nas boias de meta. Á loita pola segunda posición protagonizada por Narón e Mecos, uniuse no segundo longo Cesantes-Rodavigo. Estes tres conxuntos asinaron o mesmo tempo na última ceaboga e a pugna a tres bandas acabouse decantando a prol de Cesantes-Rodavigo, batendo por 4” a Mecos, por 7” a Narón e por 8” a Puebla, que no último parcial estivo a piques de gañar un posto. Sanmertolameu Fandicosta B pechou a táboa.
Para o numeroso público congregado no Muelle de Castropol, a segunda quenda tiña o atractivo extra da presenza da traiñeira anfitrioa. Castropol e os seus seareiros soñaron ata o final con dar a badalada como anfitrións. Os asturianos, quintos na clasificación da Liga A, estableceron as mellores marcas nas dúas primeiras viradas e na última igualou o seu ‘crono’ a líder Ares. Os portadores da camisola amarela, que perdían 5” na primeira virada, completaron a remonta nun demoledor último parcial e fixéronse co triunfo por 13” de diferenza. A xornada resultou redonda para Ares porque os seus dous inmediatos perseguidores na xeral non tiveron o seu mellor día. Bueu-Simei tivo que conformarse coa cuarta praza, por detrás de Tirán Pereira, e Chapela-Wofco, que se viu obrigada a realizar dúas veces a última ceaboga, fixo sétima. A quinta posición correspondeu a Cabo da Cruz ‘B’ e a sexta a Rianxo, a máis rápida da primeira serie.
Ares lidera con seis puntos de vantaxe antes de que Liga A continúe este domingo pola tarde, a partir das 17:00 horas, coa súa oitava xornada: a VII Bandeira Cesantes-Concello de Redondela.
Liga Feminina
A competición feminina tivo como escenario Cesantes. Cun día soleado, sen apenas vento e cun mar con ondas pequenas, as condicións eran perfectas para gozar dunha tarde de remo na I Bandeira Feminina Cesantes-Concello de Redondela.
Coa peculiaridade de competir en seis longos e cinco viradas, as traiñeiras da primeira quenda abriron a contenda. Con Salgado-Perillo liderando na primeira referencia seguida de Puebla e Castropol en apenas tres segundos. A diferencia, que era mínima, non fixo máis que ampliar nas seguintes virada, xa que as de Oleiros marcaron un ritmo moi alto co que non deron opcións ás rivais, gañando con claridade a primeira manga. Por detrás, a igualdade mantíñase aínda que Puebla estaba por diante das asturianas. No terceiro longo a diferencia era de seis segundos, co que parecía xa que as do Barbanza o tiñan na man, pero nun gran segundo tramo da regata, Castropol conseguiu remontar para facerse co segundo posto nun final apertado.
Na segunda quenda, a igualdade apenas durou un longo, porque Chapela-Wofco volveu remar cun nivel doutra liga. Dende o segundo longo, as da Arealonga non fixeron máis que afianzar o seu liderado e certificar, aínda máis, o seu liderado na Liga Feminina. A situación foi diferente por detrás, Rianxo e Mugardos - A Cabana Ferrol volveron disputar un duelo moi igualado. De feito, nas dúas primeiras viradas, ambas traiñeiras marcaban o mesmo tempo. Foi no terceiro xiro cando as do Barbanza se puxeron por diante e conseguiron defender con uñas e dentes a segundas posición, evitando así, unha remontada como a que sufriron a semana pasada na súa casa. Terceira quedou Mugardos - A Cabana de Ferrol cunha distancia clara con respecto a Cesantes-Cefycal. As locais declaraban tras a regata estar moi contentas co resultado, ao gañar con claridade a Salgado-Perillo, e paseniñamente vanse achegando ás tres grandes traiñeiras.
A Liga Feminina celebrará este domingo a II Bandeira Feminina Princesa de Asturias dende as 17:00 h en Castropol.
Liga B
O menú deste sábado da Liga Galea de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia completouse coa XXXIX Bandeira Concello do Grove, terceira xornada da Liga B. Acompañados polo vento de costado, e tamén no formato de seis longos e cinco viradas, os remeiros desta categoría ofreceron dúas vibrantes quendas.
Chapela-Wofco ‘B’ foi quen de rubricar unha excepcional remonta na primeira serie. A filial alcanzou o ecuador da regata a 7” de Riveira, unha desvantaxe que se reduciu a 5” na última ceaboga. A partir dese momento, cun longo por diante, os do Barbanza empezaron a sentir a presión dos redondeláns ata que Chapela-Wofco conseguiu superalos por 65 centésimas. Salgado-Perillo rematou terceira.
Non se rexistraron cambios á fronte da quenda de honra. Muros-Esteirana impúxose no primeiro longo por 2” a Amegrove e por 3” a Mugardos – A Cabana Ferrol. A vantaxe a prol da embarcación que defendía a condición de líder non deixou de medrar ata os 20” rexistrados na meta. A emoción concentrouse por detrás da gañadora. Mugardos-A Cabana Ferrol, que chegaba a estar xornada empatada a puntos con Muros-Esteirana, adiantou a Amegrove no segundo longo e os 2” que obtivo de renda nese parcial soubo xestionalos para terminar dobregando por 53 centésimas aos anfitrións, terceiros na clasificación da súa regata.
A Liga B regresará o vindeiro sábado coa XVI Bandeira Concello de Muros.