Ares, Chapela-Wofco e Muros-Esteirana apuntalan os seus liderados con vitorias
As tres embarcacións que lideran as ligas do Trofeo Xunta de Galicia impuxeron este sábado a súa lei en dous escenarios. Na Pobra do Caramiñal, Ares reencontrouse co triunfo na Liga A e Chapela-Wofco mantivo a súa condición de invicta na Liga Feminina con remonta incluída, mentres que Muros-Esteirana dominou na Liga B exercendo de anfitrioa en Esteiro.
Sen apenas ondas nin vento, as augas do Barbanza acolleron un dobre evento na Pobra do Caramiñal. Ambas regatas disputáronse a seis longos e abriron a contenda as mulleres coa súa sexta xornada da temporada, a III Bandeira Feminina Alicrusa. En dúas quendas lanzadas, na primeira partían Salgado-Perillo, Puebla e Castropol e na segunda Rianxo, Chapela-Wofco, Cesantes-Cefycal e Mugardos-A Cabana Ferrol.
Na primeira manga, as tres embarcacións marcaban tempos similares, aínda que Perillo e Puebla loitaban á par con Castropol aguantando segundos por detrás, ata a cuarta virada. A batalla quedou nese punto en só dúas traiñeiras, un duelo que se levaron as locais de Puebla por segundos con respecto a Perillo, que intentou sen éxito a remontada. Pechou a quenda Castropol.
Na segunda manga, a igualdade só durou unha virada, momento no que Rianxo e Chapela-Wofco comezaron a distanciarse de Mugardos-A Cabana Ferrol e de Cesantes-Cefycal. As rianxeiras estiveron por diante en todo momento, chegando a contar incluso con 5 segundo de vantaxe, pero no último longo as líderes sacaron a relucir todo o seu potencial para gañar a III Bandeira Feminina Alicrusa e continuar como invictas. Nerea Cerqueira declaraba ao final da regata que “Rianxo nolo puxo moi complicado, xunto coa das Pontes foi a bandeira que máis nos custou gañar”. As de Rianxo quedaron sen vitoria pero finalizaron segundas, por diante das súas rivais directas de Mugardos-A Cabana de Ferrol. Cuarta foi Cesantes-Cefycal, que superou con claridade os tempos da manga anterior.
Liga A
Tralas mulleres, chegou o momento da novena xornada da Liga A, a XVIII Bandeira Concello de A Pobra. Con dúas quendas lanzadas, na primeira partiron Mecos, Puebla, Cesantes-Rodavigo e Samertolameu-Fandicosta ‘B’e na segunda Narón, Cabo da Cruz ‘B’, Castropol e Rianxo. Entre as oito, Castropol marcou sempre os mellores parciais, coa filial de Cabo por detrás intentando darlle caza pero sen éxito. De feito, os asturianos acabaron gañando con bastante claridade a súa manga. Os terceiros tempos foron en todas as viradas para Mecos, que ao igual que Castropol, dominou a primeira manga. Por detrás, as outras embarcacións loitaban en ‘cronos’ similares. Narón facía mellores rexistros, pero a escasos segundos de Rianxo, que pechaba a súa quenda, de Puebla, de Cesantes-Rodavigo e da filial de Meira, que chegaron con esta orde á primeira virada. Unha situación que cambiou por completo a partir do segundo xiro. Os locais comezaron a perder posicións e os ‘Tercos’, a gañalos. A embarcación de Samertolmaeu-Fandicosta ‘B’ fixo na Pobra a mellor regata da temporada rematando a súa quenda por diante de Cesantes-Rodavigo e de Puebla. Os locais caeron finalmente á última posición. O tempo de Samertolameu non foi mellor que os de Narón, que conseguiu, dentro da igualdade, manterse sempre por diante dos seus rivais de ambas quendas. Tras Narón pechou a quenda Rianxo, que se vía superada pola xa citada Mecos, pero tamén por Samertolameu-Fandicosta ‘B’ e Cesantes-Rodavigo, caendo undécima posición.
Na quenda de honra partiron os catro favoritos: Chapela-Wofco, Bueu-Simei, Ares e Tirán-Pereira. Como nos teñen acostumados, as catro embarcacións chegaron á par á primeira virada cos da Maruxía un segundo por diante, pero a igualdade habitual desapareceu na Pobra coa gran regata de Ares. A partir do segundo longo, os líderes comezaron a coller vantaxe e a deixar aos seus rivais a 7” no caso da Maruxía, a 14 aos da Arealonga e a 20 aos da Mar do Con. O tempo dos de Moaña, de feito era inferior ao de Castropol, co que Tirán tivo que competir en todo momento pendente de dúas quendas. As diferencias apenas cambiaron ata o final e Ares certificou a súa cuarta vitoria da temporada. Bueu-Simei foi segundo aínda que Chapela Wofco apertou ao final para intentar conseguir a segunda posición. Pechou Tirán, que finalmente superou a Castropol por 57 centésimas.
A nota negativa da xornada chegou tralo final da regata. A embarcación de Chapela-Wofco achegouse ao porto sen autorización arbitral cometendo unha infracción contra o código de regatas da FER sobre o control de pesaxe, un erro que deixou aos da Arealonga fora de regata. Con este resultado Ares mantén o liderado a cinco puntos de Bueu-Simei, a 10 de Tirán-Pereira e deixa a Chapela-Wofco e a Castropol case sen opcións a 24 puntos.
Liga B
Todo saíu a pedir de boca para Muros-Esteirana como local. A embarcación que lidera a Liga B impúxose diante dos seus afeccionados na 16ª Bandeira Concello de Muros celebrada en Esteiro, un triunfo que lle permite ampliar a dous puntos a súa vantaxe respecto a Mugardos- A Cabana Ferrol no máis alto da clasificacións xeral. As tres traiñeiras que remaron na quenda de honra marcaron os mellores tempos na cuarta xornada puntuable para a segunda división masculina.
No primeiro dos catro longos, os anfitrións e a súa principal rival na táboa da Liga marcaron o mesmo rexistro. Muros-Esteirana virou mellor que Mugardas-A Cabana Ferrol e a partir de aí desnivelou o pulso. A diferenza no ecuador da regata alcanzou os 9” e na liña de meta o conxunto local obtivo cunha marxe de 21” a súa terceira vitoria consecutiva. Sen poder achegarse ás súas compañeiras de quenda, Amegrove centrouse en mellorar o tempo establecido por Chapela -Wofco ‘B’, a gañadora da primeira serie. Malia comezar o último parcial con 8” de colchón, A Pabliño estivo a piques de perder a terceira posición, pero a conservou por 2”.
A filial de Chapela-Wofco ocupou a cuarta praza na bandeira logo de dominar con autoridade a súa quenda. Riveira, que concluíu o segundo longo a 3” dos redondeláns, descolgouse definitivamente no terceiro parcial, virando a 9”, e acabaría perdendo 21” na meta. A clasificación da xornada pechouna Salgado-Perillo, lonxe dende a primeira referencia das dúas traiñeiras coas que compartiu serie.