A Liga Galega de Traiñeiras organizará por primeira vez unha regata nas augas do interior de Galicia
As Pontes de García Rodríguez acollerá o 10 de xuño a primeira xornada das tres categorías e a gala de presentación da temporada
A posta de longo da Liga Galega de Traiñeiras 2023 vai ser o nunca visto. Por primeira vez un concello do interior de Galicia converterase no escenario dunha regata. Esa cita histórica terá lugar o sábado 10 de xuño no lago artificial da localidade coruñesa das Pontes de García Rodríguez, onde ademais de competir as embarcacións das tres categorías, tamén se vai celebrar a gala de presentación da temporada.
A orixinal localización da primeira xornada é o lago artificial máis grande de Europa. Inaugurado hai 11 anos, as súas dimensións permiten a disputa dunha regata en formato tradicional. As tripulacións da Liga A, da Liga Feminina e da Liga B pugnarán nas Pontes de García Rodríguez polos puntos para a xeral e polas primeiras camisolas de líderes.
A Liga Galega de Traiñeiras aposta por expandirse no interior da comunidade e na súa estrea lonxe do mar non só vai ofrecer a emoción das súas regatas. Esa mesma tarde, ao remate das quendas sobre a auga, realizarase a festa de apertura do calendario. Polo escenario da gala de presentación, situado ao carón do lago, desfilarán os 25 equipos que van protagonizar esta temporada.
Coñecer a sede da inauguración do curso era a única incógnita que faltaba por desvelarse na folla de ruta da LGT 2023. Visitando 20 concellos e contando con 550 deportistas, esta competición do remo en banco fixo ten prevista a celebración de 33 eventos nunha marxe de dous meses e medio. Un intenso calendario que concluirá a fin de semana do 26 e 27 de agosto en Ares.