Portada ›› Remo ›› A Liga Galega de Traiñeiras mostra optimismo de cara a tempada 2020

A Liga Galega de Traiñeiras mostra optimismo de cara a tempada 2020

A crise sanitaria do covid-19 mudou por completo o panorama social e deportivo nos últimos meses. Dende o inicio desta crise, a LGT traballa en diferentes propostas e protocolos para poder levar a cabo a competición.

O luns e mércores desta semana realizáronse dúas videoconferencias para reunir a todos os clubs de remo que compoñen a competición. Puxéronse en común as propostas para a realización da competición na presente tempada, comprendendo aspectos de saúde, deportivos e económicos.

O máis salientable foi a boa disposición de todos os clubs para participar na Liga. Os deportistas manifestan que queren remar e a dirección seguirá traballando para que poida celebrarse a Liga na tempada 2020, sempre dando cumprimento aos requisitos sanitarios.

Contémplase un calendario flexible, coa esperanza de competir aínda que non se inicie en xuño, poderíase comezar dende a segunda semana de xullo e incluso coller de forma excepcional dous fins de semana en setembro. A data de hoxe non se pode confirmar unha data concreta, pero a disposición dos clubs é total.

Está previsto que a próxima semana se sigan efectuando videoconferencias, na procura de dar solucións propias a cada unha das tres categorías (Liga A, Liga B e Liga Feminina).

--