A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia define o seu calendario de competición
Este luns aprobouse, en asemblea de clubs, o calendario definitivo da Liga Galega de Traiñeiras 2021. Un calendario que aglutina un total de 33 regatas entre as diferentes categorías e que sinala os lugares e datas nos que as traiñeiras galegas disputarán a competición estival.
Este será un calendario que novamente quedará supeditado á evolución da situación sanitaria. De non ter que realizar ningunha modificación, arrancará a última fin de semana de xuño no concello coruñés de Muros.
Como novidade, este ano a dirección está procurando realizar unha regata de interior por primeira vez na historia do calendario da Liga Galega de Traiñeiras. Trátase dunha regata de categoría feminina no encoro lucense de Belesar, no concello de Portomarín.
Ademais da aprobación do calendario, na asemblea abordáronse outros asuntos como a aprobación e continuidade dos órganos reguladores da competición como son o de Xuíz Único e o Comité de Competición. En ambos casos renóvase a súa composición con respecto á temporada pasada.