El C2 formado por Graña y Ferro, domina el Campionato Galego de Maratón do Lérez
Na clasificación por clubes o primeiro posto foi para As Torres seguido por Club Naval e Verducido.
Unha vez máis, os actuais campións mundiais da modalidade non decepcionaron e fixéronse coa medalla de ouro na distancia de 18.000 metros do Campionato Galego de Maratón, que na tarde de onte se disputaba en augas do río Lérez, na cidade de Pontevedra. Por detrás deles entraron a canoa do Náutico Firrete, na que padexaban Tono Campos e Yerai Picayo, e a canoa das Torres composta por Ismael Pesado e Miguel Salgado. Notables ausencias do campionato foron os actuais subcampións mundiais da modalidade, Ribademar (Breogán) e Diego Romero (As Torres) que non acudiron á cita deportiva no río Lérez, ao atoparse no equipo nacional preparando a tempada de pista.
O percorrido polo río tivo saída na ponte dos Tirantes e remontaba ata a ponte do tren ou de ferro, para baixar de novo ata á dos Tirantes, facendo este percorrido varias veces segundo a distancia a percorrer en cada categoría, cun porteo dos barcos a partir da segunda volta na praia fluvial. A vistosidade da proba foi excelente grazas ao bo tempo que acompañou en toda a xornada, motivo polo que o público que arroupaba aos padexeiros se congregou ao longo de todo o percorrido de xeito numeroso.
Xa na proba individual de canoa o triunfo foi para Rubén Paz (As Torres), un dos favoritos para facerse co título que na edición anterior no río Verdugo se clasificara terceiro. A escasos 3 segundos entrou David Mosquera (Ría de Betanzos) quen acompañou ao campión no caixón con Pablo Provecho do Firrete, que entrou terceiro.
No tocante á proba de mulleres senior en k1, María Pérez do clube As Torres e que partía como unha das favoritas, non deu tregua á súa máis inmediata competidora Raquel Rodríguez, do Ciudad de Pontevedra que acabou a máis de 6 minutos, completando o podio Raquel Salgado do Club Naval de Pontevedra.
Nas finais de home senior en kayak dobre foi claro vencedor o barco do club piragüismo Grupo Xuvenil, formado por Carlos Pedreira e Antonio Polo. Máis animada resultou a pelexa polo segundo e terceiro posto na que a canoa do club de Vilaboa cos padexeiros Antonio Palmas e Javier Conde entraba por diante dos de Viveiro (Marcos Illanes e Alberto Pigueiras) a escasos 20 segundos.
Pero sen dúbida a chegada máis emocionante e na que o público vibrou coa emoción foi a entrada dos kayakistas individuais senior, xa que o vencedor Iván Lage traspasaba a liña de meta con só un segundo de diferencia, por diante Jesús Rodríguez do Fluvial O Barco. O terceiro clasificado foi Brais Sánchez do Vilaboa a máis dun minuto.
A competición disputouse con total normalidade se ben os resultados oficiais se fixeron esperar por mor dalgunha reclamación, pero finalmente a clasificación xeral por clubes nomeaba a As Torres como primeiro clasificado con 2.725 puntos e ao club Naval de Pontevedra como segundo con 1.542 tantos, con moi pouca diferenza co tamén local, Club Verducido Pontillón quen sumou 1.376.
Acceso aos resultados do Campionato Galego de Maratón a través deste enlace
Acceso aos resultados do Campionato Galego de Maratón Veteranos a través deste enlace